Friday 03 de May de 2024

O Concello abrirá este luns o prazo de inscrición na programación de teatro para centros escolares de cara á primavera


O auditorio do Fórum Metropolitano acollerá as sesións de interpretación, con 14 funcións para alumnos en idades de Infantil a Bacharelato e FP

O formulario web para os centros educativos interesados habilitarase o día 17 a través da páxina web da Concellaría de Educación

O Concello da Coruña, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), abrirá o vindeiro luns 17 de xaneiro o prazo de inscrición para que as alumnas e alumnos dos centros escolares da cidade poidan gozar da programación de teatro que se levará a cabo no auditorio do Fórum Metropolitano durante esta primavera.

Os espectáculos, que se executarán entre os meses de febreiro e xuño, están ideados para os distintos niveis educativos, con sete sesións previstas para nenas e nenos en idades de 4 a 5 anos, así como os que cursan Primaria. Haberá, ademais, outras sete sesións para rapazas e rapaces en idade de Educación Secundaria e Formación Profesional.

As pezas teatrais, de entre 45 minutos e hora e cuarto de duración, outorgarán un protagonismo especial a oito compañías artísticas galegas como as de Quico Cadaval, Paula Carballeira e Chévere, acompañadas na programación por agrupacións asentadas no País Vasco, Madrid, Andalucía, Estremadura, a Comunidade Valenciana e incluso ao outro lado do Atlántico, en Arxentina.

A inscrición dos centros educativos, dispoñible o luns 17 de xaneiro

O Concello da Coruña activará o proceso de inscrición o luns 17 de xaneiro, habilitando unha ficha específica a través do portal web da Concellaría de Educación, para que os centros educativos interesados en asistir á programación de teatro poidan cumplimentar o formulario correspondente, dispoñible a través desta ligazón.

Ademais, co fin de garantir que o programa de teatro escolar transcorra en condicións óptimas de seguridade, sen que perda a súa esencia e calidade, implantaranse todas as medidas hixiénico-sanitarias previstas na lexislación vixente. Deste xeito, en cada sesión só asistirán grupos dun mesmo centro escolar; cada grupo só poderá inscribirse nunha única obra de teatro durante o curso 2021/2022, polo que os grupos que xa asistiron en outono non poderán inscribirse nesta nova convocatoria; e, por outra banda, a capacidade máxima será o que estipule a lexislación sanitaria vixente en cada momento, realizándose a limpeza e desinfección do auditorio antes e despois de cada función.